Material: Dúas ou máis bolas, construídas de madeira dura e de un a tres quilos de peso; son esféricas duns 15 cm de diámetro. Tamén-cando menos- 7 birlos; éstes terán entre 7 e 10 cm de altura.
O xogo practícase nun terreo chan e libre, no que se marca a zona de lanzamento (Fite), a liña de 10 m e a liña de 15 m(medidos desde a Lastra).Interveñen cando menos dúas persoas que xogan enfrontadas, aínda que poden participar catro ou máis, por parellas ou equipos.
Colócanse os sete birlos enriba dunha laxe dura (Lastra), que está situada a ras do chan.
Quen lanza ponse no Fite, que está colocado a 3-5 m da Lastra e arrebola a bóla contra os birlos, tratando de derrubar o maior número posible. A puntuación ,obtense do seguinte xeito:
Aqueles birlos que non cheguen á liña de dez obteñen tres puntos cada un. Os que pasen da liña de dez,dez puntos cada un.
Os que pasen da liña de quince, quince puntos cada un. Porén, se a bóla non pasa da liña de dez, nin suma nin resta puntos.
A segunda parte consiste no chamado “desquite”, que non é outra cousa que unha tirada dende a liña de dez cara a lastra onde foron colocados de novo os birlos. Os birlos derrubados nesta tirada do revés valen 3 puntos cada un,mais este lanzamento non se poderá realizar tampouco se a bóla non tivese ultrapasado a liña de 10 m no lanzamento inicial.Cando no lanzamento un xogador non puntúa,,e no birle tampouco, o equipo perde a man e o contrario pasa a lanzar de primeiro.
As partidas acórdanse a sesenta puntos normalmente.